O Pontevedra limpa os cartóns

Pontevedra
24 de febreiro 2025

As amarelas vistas por Rufo e Xabi Domínguez no tempo de desconto suporán sanción a próxima xornada de liga, pero deixan a Dalisson como único apercibido no plantel granate

Rufo, no partido entre Pontevedra e Real Avilés en Pasarón Cristina Saiz

Nunha pelexa tan pechada como a que se aveciña ata final de tempada polo ascenso directo calquera detalle, por pequeno que sexa, pode acabar resultando decisivo.

Un dos exemplos pode chegar a ser as baixas por sanción, nun momento da tempada na que perder un futbolista por acumulación de cartóns amarelos chega a ser habitual.

Neste sentido o Pontevedra Club de Fútbol limpará a próxima xornada, na súa visita ao campo do Rayo Cantabria (domingo 2 de marzo, 12.00 horas), a súa lista de apercibidos.

As amarelas vistas no tempo de desconto ante o Escobedo por parte de dous dos seus futbolistas, Rufo e Xabi Domínguez, suporán un encontro de suspensión ao cumprir ciclo de amoestacións.

Domínguez viu cartón no minuto 91 de xogo, segundo a explicación do colexiado na acta arbitral, por "derrubar de maneira temeraria un contrario na disputa dun balón", mentres que un minuto despois Rufo recibiu a amarela por "desprazar o balón para atrasar a continuación do xogo".

Con esta dobre sanción só un xogador do Pontevedra permanece en 'capela', a unha amarela da suspensión. Trátase de Dalisson de Almeida.

Os outros dous futbolistas amoestados contra o Escobedo, Yelko Pino e Charly, viron o seu segundo cartón de ciclo, mentres que con tres se atopan Javi Fontán e Edu Sousa.

Mirando o máximo rival dos granates, o Numancia, no seu caso tras esta xornada pasan a ser tres os seus xogadores apercibidos. Son o lateral Bonilla, o central De Frutos (actualmente lesionado) e o centrocampista David Sanz, mentres que cumprirá ciclo a próxima xornada o lateral Asier Grande.