O Pontevedra recorre á xustiza tras quedar sen play-off: "Deciden os tribunais"

Pontevedra
01 de xuño 2026
Actualizado: 23:50

Lupe Murillo asegurou que o club seguirá defendendo os seus dereitos a pesar de que a Real Federación Española de Fútbol desestimou as súas alegacións

Lupe Murillo, presidenta do Pontevedra CF

A presidenta do Pontevedra Club de Fútbol, Lupe Murillo, afirmou este luns en rolda de prensa que o club seguirá defendendo os seus dereitos na xustiza ordinaria, pola vía civil, tras quedar fóra do play off de ascenso e esgotar todos os recursos federativos posibles.

Murillo recoñeceu que os días posteriores ao play-off frustrado foron "complicadísimos", empezando polo peche de campionato cunha remontada ante o Real Avilés que facía pensar que a clasificación para o play-off estaba asegurada.

"Parecía que estabamos ascendidos", lembrou, antes de detallar que, ao revisar a clasificación oficial e o regulamento, xurdiron dúbidas sobre se realmente o Pontevedra quedara dentro ou fóra da promoción.

A presidenta explicou que o club traballou durante toda a semana con especialistas en dereito deportivo para preparar distintos escritos e recursos. "Non era unha broma o que estabamos a contar nin unha rabecha nosa", afirmou, ao defender que a posición do Pontevedra estaba "argumentada" e apoiada nunha interpretación técnica das bases de competición.

A pesar diso, a Federación desestimou as alegacións e o club terminou asumindo que xa non había marxe na vía federativa.

Murillo deixou claro que o Pontevedra non vai renderse e que vai optar "pola vía civil", aínda que matizou que ese camiño xa non servirá para disputar o play off nin vai subir ao equipo de categoría directamente, senón para defender o que consideran que lles corresponde. "Que nos dean algo, se nos toca, pero deciden os tribunais", afirmou.

A dirixente quixo poñer o foco no apoio recibido durante eses días nos que "só tiñamos o obxectivo de defender ao Pontevedra nos despachos e non rendernos nunca", á vez que admitiu que o club sentiu "como nunca" o respaldo da cidade, dos socios, dos accionistas, dos afeccionados e de numerosos avogados e clubs que se ofreceron a axudar.

"Quedamos coa ilusión do xerado e co apoio de todos", resumiu.