Pontevedra réndese ao talento dos seus piragüistas

Pontevedra
19 de xullo 2023

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira de Deportes, Anabel Gulías, recibiron no Concello aos medallistas mundiais Jaime Duro, Claudia Couto, Pablo Crespo, Martín Jácome e Antía Otero Santiago, que non puido asistir por mativos deportivos

Recepción no Concello aos medallistas pontevedreses no mundial de piragüismo júnior e sub 23 Cristina Saiz

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e a edil de Deportes, Anabel Gulías, recibiron esta mañá de mércores os padexeiros da Escola de Piragüismo Cidade de Pontevedra que participaron no campionato do mundo Júnior e Sub 23 e que lograron traer de volta varias medallas de ouro e prata para a súa colección particular.

"Sempre é unha honra e un orgullo recibir a deportistas que levan o nome de Pontevedra polo mundo", indicou o rexedor. "En nome de toda a cidade e da súa sociedade dámosvos os parabéns. Toda Pontevedra está orgullosa do voso traballo, máxime se hai proxección de cara ao futuro. O piragüismo en Pontevedra é unha disciplina de enorme importancia e dá gusto comprobar que así seguirá sendo", engadiu.

Así, alcalde e concelleira entregáronlles un agasallo, un reloxo deportivo, aos deportistas que se achegaron ata o Concello e desexáronlles sorte no que está por vir.

O adestrador, Miguel Ángel Villanueva Pérez, foi o acompañante nesta recepción a Jaime Duro Pichel (ouro en 5.000 metros e cuarto no C4 500 metros), Claudia Couto Fernández (prata no C4 500m e ouro no C1 200m), Pablo Crespo Penas (ouro en C2 1.000m e cuarto en C1 1.000m), Martín Jácome Couto (ouro en C2 1.000m).

Non puido asistir por motivos de preparación Antía Otero Santiago (prata no C2 500m e prata no C4 500m).