Pontevedra será sede en xullo do Campionato de Europa U17 de pentatlón moderno

Pontevedra
15 de xaneiro 2026
Actualizado: 12:13

A Boa Vila collerá así a remuda da localidade catalá de Esplugues de Llobregat. A proba terá como centro neurálxico o Centro Galego de Tecnificación Deportiva

Unha competición de pentatlón moderno Federación Española de Pentatlón Moderno

Unha nova cita deportiva converterá a Pontevedra en referencia internacional. A cidade acollerá entre os días 7 e 12 de xullo o Campionato de Europa U17 de pentatlón moderno.

Así o confirmou a federación internacional desta disciplina deportiva.

Pontevedra collerá a remuda da localidade catalá de Esplugues de Llobregat.

A proba terá como centro neurálxico o Centro Galego de Tecnificación Deportiva.

O pentatlón moderno é un deporte olímpico que combina esgrima (espada a un toque), natación (200 metros estilo libre), carreira de obstáculos, tiro con pistola e carreira (3.000 metros).

Actualmente o tiro con pistola e a carreira realízanse nunha proba combinada, denominada laser run, na que cada 600 metros de carreira hai unha rolda de tiro con pistola láser.

Neste Campionato de Europa U17, no que participarán deportistas menores de 17 anos, disputaranse a proba masculina e a proba feminina desta especialidade.

Ademais, haberá competición por remudas -masculino, feminino e mixto-.

O calendario de competición incluirá tamén a modalidade por equipos, onde os participantes se dividirán en conxuntos masculinos e femininos.