O Portonovo ascende a Terceira 15 anos despois

Sanxenxo
22 de xuño 2026

O equipo dirixido por Minso Vidal impúxose no minuto 99 cun gol de Keko. A recta final do encontro estivo marcado por tensión e as expulsións do técnico e do porteiro visitantes

Ascenso do Portonovo a Terceira RFEF Concello de Sanxenxo

O Portonovo certificou este domingo o seu ascenso a Terceira RFEF, 15 anos despois, tras imporse ao Lemos na eliminatoria final (2-0).

Un gol de Keko no minuto 99 do partido de volta, disputado en Baltar, rompeu o empate sen goles e desatou a euforia local, aínda que o 0-0 xa lle bastaba ao conxunto dirixido por Minso Vidal tras o 0-1 logrado na ida.

No encontro de volta apenas houbo ocasións, co único achegamento claro no minuto 4 por parte do Portonovo cun cabezazo de Batkov que despexou o porteiro visitante a córner.

O Lemos, que estaba obrigado a gañar, apenas inquietou a portaría local cun disparo cruzado de Sergio no minuto 11.

Tras o descanso, o Portonovo optou por un plantexamento máis conservador co obxectivo de protexer a vantaxe da ida. Dadín, protagonista baixo paus, viu mesmo a amarela por perder tempo.

O conxunto visitante acumulou chegadas na segunda parte, con accións de Rogerio, Adrián Díaz ou Dani Blanco, que tivo a ocasión máis clara no minuto 86 cun cabezazo que detivo o gardameta local.

Con todo, o Portonovo resistiu e tamén dispuxo das súas opcións á contra, con dous intentos de Brais Bernárdez.

O desenlace chegou no tempo engadido. No medio da tensión e tras a expulsión do técnico visitante, Marquitos, Keko, recentemente ingresado ao campo, culminou no minuto 99 unha acción xunto a Lezcano para bater no man a man a Pablo Losada, quen tamén acabou expulsado por protestar a xogada.

Non houbo tempo para máis. O gol desatou a euforia en Baltar, onde o Portonovo selou un ascenso histórico que lle devolve a Terceira División.