Presentada a etapa pontevedresa da Volta Galicia: "A selección vaise facer no Lago de Castiñeiras"

Pontevedra
12 de setembro 2023

"Calquera punto da etapa pode ser decisivo", avisa o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz, sobre a cuarta e última etapa da rolda ciclista, que se disputará o vindeiro domingo 17 de setembro

Presentación da etapa pontevedresa da XXI Volta a Galicia de Ciclismo Concello de Pontevedra

Un total de 18 equipos, 8 deles galegos entre os que se atopa o Froiz pontevedrés, cun total de 112 ciclistas pelexarán este ano por facerse coa XXI Volta a Galicia Elite e Sub-23.

Pontevedra acollerá a xornada decisiva da rolda, coa súa cuarta e última etapa, o vindeiro domingo 17 de setembro nun percorrido que foi presentado oficialmente este martes.

"Calquera punto pode ser decisivo", avanza o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz.

Serán finalmente un total de 126,5 os quilómetros que percorrerá o pelotón desde que parta ás 10.00 horas da mañá desde da Praza de España de Pontevedra, punto tamén de meta. Por medio a caravana de corredores dirixirase pola costa a través da PO-308 ata A Lanzada, entrando no interior da comarca cara a Dena para pasar despois por Cerdedo-Cotobade, Ponte Caldelas, Soutomaior, Arcade e Marín antes de afrontar o seu desenlace de novo no centro da cidade. Todo iso con tres ascensións puntuables como o alto de Pe da Moa (3ªcategoría), o Lago de Castiñeiras (2ª) e O Pituco (3ª), a menos de 10 quilómetros do final.

"A selección vaise facer no Lago de Castiñeiras", defende o presidente federativo, que estivo acompañado na presentación polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.

A Volta Galicia 2023 dará comezo o xoves 14 de setembro en Pobra de Brollón, onde se disputará unha contrarreloxo individual de 6,7 quilómetros. O municipio lugués acollerá ademais a segunda xornada cunha etapa en liña de 148 quilómetros. Pola súa banda a terceira etapa, de 131,3 quilómetros, terá saída e meta en Pobra de Trives, na contorna da estación ourensá de Manzaneda.