A Primeira RFEF, ao completo á espera da repartición de grupos

Pontevedra
23 de xuño 2025
Actualizado: 8:05

Concluídos os play-off de ascenso xa se coñecen os 40 equipos que competirán a próxima tempada na Primeira RFEF, entre os que se atopa o Pontevedra. Todo apunta a unha división norte-sur

Partido Pontevedra CF - CD Laredo en Pasarón

O Pontevedra Club de Fútbol xa coñece o nome de todos os equipos cos que compartirá categoría na Primeira RFEF 25-26.

Finalizados os play-off de ascenso, nos que Ponferradina e Nàstic de Tarragona quedaron ás portas de subir a Segunda División, só falta xa que se organice a división dos dous grupos de competición.

Neste sentido, tras a reunión de traballo en Madrid á que acudiu como invitado o Pontevedra, todo apunta a unha división norte-sur, aínda que falta por concretar a división ao completo xa que un ou dous equipos poderían variar na repartición.

De confirmarse esta división no Grupo I estarían seguro o seis equipos galegos, como son o propio Pontevedra, Racing de Ferrol, RC Celta Fortuna, Ourense CF, CD Arenteiro e CD Lugo.

Ademais acompañaríalle desde Asturias o Real Avilés; desde Castela-León tres equipos como o Zamora, Ponferradina e Unionistas de Salamanca; os presentantes do País Vasco, é dicir, Bilbao Athletic, Barakaldo e Arenas Getxo; de Cataluña como son Nástic de Tarragona, Europa e Sabadell; de Aragón estarían Tarazona e Teruel; e de Navarra o Osasuna Promesas.

Os mencionados son un total de 19 equipos, co que para chegar a 20 habería que sumar un último rival. Podería ser desde as Illas Canarias o recentemente descendido CD Tenerife, o Villarreal B ou mesmo o CD Guadalajara.

De ser os canarios caerían dous recentemente descendidos desde Segunda División en cada un dos grupos.

Unha posible división que a presidenta do Pontevedra Club de Fútbol, Lupe Murillo, ve con bos ollos tal e como recoñeceu recentemente en declaracións á TVG, afirmando que para os granates "é máis fácil ir a Cataluña ou o País Vasco que cruzar toda España para ir ao sur".

Completan a nómina de equipos que xogarán a próxima tempada en Primeira RFEF: Real Madrid Castilla, Atlético Madrid B e AD Alcorcón (Madrid); Hércules e Eldense (Comunidad Valenciana); Mérida e Cacereño (Estremadura); Talavera (Castela-A Mancha); Real Murcia e Cartagena (Murcia); UD Ibiza (Baleares) e Sevilla Atlético, Algeciras, Betis Deportivo, Atlético Sanluqueño, Torremolinos, Antequera e Marbella (Andalucía).