Primeiro derbi da tempada para o Poio Pescamar coa visita á Seca do Ourense Envialia

Poio
16 de setembro 2016

O equipo adestrado por Marcio Santos buscará este sábado (18:30 horas) o seu segundo triunfo da tempada na Primeira División

Adestramento do Poio Pescamar Cristina Saiz

Despois do seu apurado triunfo en Pamplona, o Poio Pescamar busca prolongar o seu bo inicio de liga co primeiro derbi da tempada, este sábado (18:30 horas) no pavillón da Seca.

As vermellas queren agradar na estrea ante a súa afección coa visita do Ourense Envialia, no que se prevé como un partido moi disputado entre dous equipos que se coñecen ben, e que xa se enfrontaron durante a pretempada.

Esta será outra historia, e as xogadoras adestradas por Marcio Santos queren evitar sorpresas.

Todo o plantel está a disposición do técnico brasileiro, polo que a convocatoria está composta por: Silvia, Sara Charo, Jenny, Jessy Lores, Suki, Ale de Paz, Ceci, Carol, Patri Corral e Jessi Jineth.

O encontro servirá tamén de apertura da campaña de socios da entidade, cun prezo único de carné de 20 euros que poderá retirarse no mesmo pavillón.