Primeiros test para o Waterpolo Pontevedra na súa posta a punto para a Primeira Nacional

Pontevedra
14 de setembro 2022

Tras comezar a pretemporada o pasado 22 de de agosto, o equipo pechou un calendario de partidos de preparación para chegar o mellor posible ao comezo de liga

Equipo feminino do Club Waterpolo Pontevedra
Equipo feminino do Club Waterpolo Pontevedra / Cristina Saiz

Tras comezar a pretemporada o pasado 22 de de agosto e tras catro semanas de adestramento, o Club Waterpolo Pontevedra prepárase para entrar en acción cos seus primeiros compromisos amigables, co obxectivo de chegar o mellor posible ao comezo de liga na Primeira Nacional Feminina, categoría na que se estrea esta campaña.

A entidade pontevedresa pechou un calendario de preparación que terá a súa primeira cita esta próxima fin de semana, os días 17 e 18 de setembro, no Torneo Ciudad de Rivas, en Madrid, onde disputarán tres partidos fronte ao equipo anfitrión CN Rivas e o CN Catro Camiños.

Ademais aproveitarase a viaxe para xogar un partido amigable fronte ao Simalga Real Canoe NC, equipo que estivo ás portas de ascender a División de Honra a tempada pasada e que será rival na primeira xornada ligueira o día 22 de outubro.

Doutra banda o Waterpolo Pontevedra estará os días 24 e 25 de setembro no IV Torneio Internacional Cidade do Porto, cun cartel no que figuran dous equipos de División de Honra española, como son o CN Rubí e o CN Boadilla, ademais do actual campión de Portugal e organizador, o Clube Fluvial Portuense.

O calendario de preparación conta ademais coa Supercopa Galega prevista para o 1 ou 2 de outubro co CW Coruña Rías Altas como rival.