"Problemas administrativos" obrigan a aprazar a Subida a Escusa

Poio
06 de setembro 2016

A organización, a cargo da Escuadra Buxa Motor Poio, viuse obrigada a cambiar a data de celebración por recomendación das forzas da orde ao coincidir a data prevista, 17 e 18 de setembro, coa doutra proba deportiva na provincia. Disputarase finalmente os días 29 e 30 de outubro

XVI edición da Subida á Escusa

A XVII Subida a Escusa, unha das probas automobilísticas con máis tradición da xeografía galega, non se disputará na data prevista pola organización e pola Federación Galega de Automobilismo, os días 17 e 18 de setembro.

"Problemas administrativos" obrigaron á Escudería Buxa Motor Poio a tomar a decisión de aprazar a competición, incluída dentro do Campionato Galego de Montaña.

En concreto as forzas da orde recomendaron cambiar a data da Subida ao coincidir coa celebración doutra proba deportiva na provincia e "non pode haber dúas probas na mesma fin de semana" que requiran un importante despregamento de seguridade, sinalou a PontevedraViva a presidenta da escudería, Noemí Blas.

A proba terá lugar finalmente os días 29 e 30 de outubro

É o mesmo contratempo que obrigou o pasado ano a concentrar a carreira nunha sóla xornada, en lugar das dous habituais, polo paso da Volta a Galicia de ciclismo.

Tras diversas xestións Buxa Motor confirmou que a proba automobilística terá lugar os días 29 e 30 de outubro co mesmo programa de competición, é dicir, tres mangas oficiais o sábado e outras tres na xornada do domingo, aínda que os horarios poderían sufrir modificacións para adaptarse ás horas de luz.