Promoven que o Pontillón do Castro pase a chamarse Centro Deportivo David Cal

Pontevedra
30 de marzo 2015
Actualizado: 18:07

Un grupo de pontevedreses organizados a través de Facebook está a fomentar esta iniciativa. A Federación Galega de Piragüismo realizará unha proposta formal á Xunta de Galicia

Regata celebrada na pista olímpica de Pontillón do Castro, Verducido
Regata celebrada na pista olímpica de Pontillón do Castro, Verducido

O adeus á alta competición por parte do deportista español máis laureado nos Xogos Olímpicos levou a que un grupo de pontevedreses promova a través das redes sociais a utilización da denominación Centro Deportivo David Cal nas instalacións para a práctica de piragüismo no encoro situado no Pontillón do Castro.

Máis de cincocentas persoas foron agregadas ao grupo público establecido na rede social Facebook dende que se iniciou este movemento o venres e xa foron numerosas as persoas que manifestaron o seu apoio a esta proposta.

Entre as máis destacadas encóntrase a de María Rey, candidata do partido Ciudadanos á alcaldía de Pontevedra nas próximas eleccións municipais. Rey manifesta que si, o merece na súa entrada na páxina da proposta.

Tras coñecerse esta iniciativa, a Federación Galega de Piragüismo anunciou que elevará unha proposta formal á Xunta de Galicia, titular das instalacións, para que cambie a súa denomicación o antes posible por ser "unha das mellores maneiras de simbolizar un lugar no que competiu tantas veces", sinalou o seu presidente Alfredo Bea.