A pista de piragüismo de Pontillón do Castro levará o nome de David Cal

Pontevedra
09 de abril 2015

Confirmouno o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, na entrega dos Premios Deporte Galego celebrada no Auditorio de Vilagarcía e nos que foi homenaxeado Cal tras o anuncio da súa retirada

Entrega dos Premios Deporte Galego 2014 no Auditorio de Vilagarcía
Entrega dos Premios Deporte Galego 2014 no Auditorio de Vilagarcía /

ÿ oficial, a pista olímpica de piragüismo situada no encoro de Pontillón do Castro, en Verducido, levará o nome de David Cal.

Así o confirmou o presidente da Xunta de Galicia, institución titular das instalacións a través da Secretaría Xeral para o Deporte, na entrega dos Premios Deporte Galego celebrada este xoves 9 de abril no Auditorio de Vilagarcía, recollendo a petición orixinada nas redes sociais e formalizada pola Federación Galega de Piragüismo.

O máximo medallista olímpico español da historia recibiu na gala unha merecida homenaxe tras anuciar a súa retirada da competición.

Alberto Núñez Feijóo foi o primeiro en tomar a palabra no acto para agradecer a David Cal "levar o piragüismo ás portadas", pero sobre todo "pasear orgulloso os nomes de Cangas e Galicia por todo o mundo" sendo "un exemplo para todos, especialmente para os máis novos", sinalou o presidente autonómico.

Os Premios Deporte Galego distinguiron nas súas 17 categorías aos deportistas, persoas ou organizacións que máis fixeron polo deporte en Galicia durante o ano 2014, sendo o grande ausente Javier Gómez Noya ao encontrarse en Australia para participar na terceira proba das Series Mundiais de Tríatlon.

Os galardoados nesta edición foron:

  • Mellor deportista masculino: Javier Gómez Noya (tríatlon).
  • Mellor deportista feminina: Vanesa Sotelo (fútbol sala).
  • Mellor deportista masculino con discapacidade: Alejandro Vidal (parataekwondo).
  • Mellor deportista feminina con discapacidade: Susana Rodríguez (paratríatlon).
  • Mellor equipo masculino: Carlos Paz e Antón Paz (vela).
  • Mellor equipo feminino: Alejandra Suárez e Helena Pérez (vela).
  • Mellor equipo con deportistas con discapacidade: Club Baloncesto AMFIV (baloncesto en cadeira).
  • Mellor entidade na promoción do deporte base: Club Carmelitas Vedruna.
  • Mellor adestrador: Ferenc Szabo (halterofilia).
  • Mellor árbitro: Alberto Rodríguez (balonmán).
  • Mellor evento deportivo: O Marisquiño.
  • Mellor labor informativo: Javier Ferreiro.
  • Deportista revelación: Ex aequo, Andrea Ferreiro (hóckey) e Jaime de Haz (remo).
  • Patrocinio deportivo: Conservas Frinsa.
  • Premios 'Galicia Saudable': Circuíto Ribeira Sacra (carreiras populares), Fundación Maria José Jove e CEIP Virxe da Pena da Sela do Irixo.