Quinta tempada consecutiva de Georgina Bland co Bádminton Ravachol

Pontevedra
16 de xuño 2024

Georgina recibiu o premio de mellor xogadora da liga polo que a súa renovación co Ravachol "é a mellor noticia que poderiamos ter. É unha peza crave no noso proxecto"

Georgina Bland, na xornada de División de Honra entre Bádminton Ravachol e IES La Orden no Pavillón Municipal Cristina Saiz

Grandes noticias para o bádminton pontevedrés. A xogadora inglesa do Bádminton Ravachol, Georgina Bland, renova unha tempada máis co primeiro equipo e suma a súa quinta campaña nas filas do club.

"Non foron necesarias longas horas de negociacións", afirmou o director deportivo, Jesús Pereiro, quen indicou á súa vez que ambos forman "unha simbiose perfecta na loita por cumprir obxectivos".

Georgina recibiu o premio de mellor xogadora da liga polo que a súa renovación co Ravachol "é a mellor noticia que poderiamos ter. É unha peza crave no noso proxecto".

De feito, a medalla de bronce en División de Honra non sería posible sen a súa gran actuación ao longo da tempada e "estamos moi agradecidos de que continúe connosco ano tras ano a pesar de recibir constantes ofertas económicas moi superiores".

Aos seus 31 anos, a xogadora inglesa suma co equipo pontevedrés 52 partidos ás súas costas e case un 70% de vitorias, converténdose na quinta deportista con máis partidos da historia do club e demostrando o seu nivel de compromiso desde que chegou en plena pandemia.