A crueldade do actual formato de competición da Segunda División B, previa á restruturación da categoría, cobrouse multitude de vítimas cando se chega ao peche da primeira fase da tempada.
Non só o Pontevedra Club de Fútbol, que deseñara un proxecto pensando en pelexar polo ascenso ou canto menos meterse na nova categoría da Primeira RFEF, viuse superado polas circunstancias. Os granates víronse abocados á loita pola permanencia, o que xa supón caer á cuarta categoría do balompé nacional, pero na súa travesía no deserto acompáñanlle outros grandes e históricos nomes do balompé nacional.
Aínda que aínda con opcións de chegar á Primeira RFEF na fase intermedia, da súa posibilidade de ascenso despedíronse proxectos mastodónticos como o do Racing de Santander e o Córdoba adestrado polo ex-granate Pablo Alfaro, ademais do Hércules, Lleida, Mérida ou Real Murcia, entre outros.
Peor están as cousas para o decano do fútbol nacional, o Recreativo de Huelva, que como os granates caeu ao grupo pola permanencia. No seu mesmo subgrupo outro proxecto que llas prometía moi felices, o Marbella de grandes e custoso fichaxes como Esteban Celeiro ou Juanmi Canellón, finalizou noveno no seu subgrupo e ten moi preto o seu descenso a Terceira.
Ata o momento, a falta da última xornada nos grupos 1, 2 e 3, os equipos que pecharon o seu pase á fase polo ascenso e por tanto xa son para todos os efectos equipos da Primeira RFEF son: Zamora, Burgos, Cultural Leonesa, Valladolid B, Real Sociedad B, Amorebieta, Tudelano, Calahorra, Nàstic de Tarragona, Barcelona B, Ibiza, Alcoyano, Vilarreal B, Algeciras, San Fernando, Atlético San Luqueño, UCAM Murcia, Linares, Betis Deportivo, San Sebastián de los Reyes, Real Madrid Castilla, Internacional de Madrid, Badajoz, Extremadura e Talavera.