RADIO.- A playlist de ... Isabel 'Píriciswith' Domínguez Munáiz

Pontevedra
03 de novembro 2018

Está no seu mellor momento, afírmao ela mesma: Isabel Domínguez  Munáiz, quen o pasado outubro proclamábase campioa do mundo sénior de pádel. Esta vez é a protagonista da Playlist en PontevedraViva Radio

Isabel Domínguez Munáiz, campioa do mundo senior de pádel Mónica Patxot

Vicente, Enrique, Ricardo, Juan, María Consuelo, Maria del Mar, Carlos, Iñigo, María Isabel, Alberto, Eduardo, Pablo, María Esperanza e María Beatriz. Dos catorce, a protagonista desta Playlist é a novena dos irmáns Domínguez Munáiz: Isabel, que vén de proclamarse o pasado outubro campioa do mundo senior de pádel. 

Unha familia que creceu practicando deportes: uns ao tenis, outros ao balonmán; ou uns e outros ao tenis, ao balonmán, ao baseball, ao baloncesto, ao fútbol e ao pádel. Disciplinas todas cos pés no chan "porque a auga é un medio no que eu son torpe", di Isabel  'Píriciswith', o alcume que lle corresponde na familia e que ela encargouse de facer extensivo entre os que chegaron posteriormente, os 20 sobriños. 

Isabel deixa anécdotas nesta Playlist que evidencian o pouso que comporta crecer nunha familia numerosa: "recordo ás señoras asombradas mirándonos en Sanxenxo cando a miña nai abría as portas do 600 e empezabamos a saír nenos e máis nenos de dentro daquel coche". Ou cando, xa como estudante de Económicas en Santiago, chegou nunha ocasión á vivenda familiar en Pontevedra "e asusteime pensando que algo pasara porque non había ninguén en casa".

Tras unha breve etapa en Vigo, Isabel marchou a traballar a Madrid. En 2008 toma se non a máis difícil, unha das decisións máis difíciles da súa vida: deixa o seu emprego e decide decicarse ao deporte preparándose como adestradora de pádel. Despois de tres anos na Federación Madrileña, volve facer maletas e regresar a Galicia, onde Mateo García de los Reyes abriulle as portas ao que sentía era o seu futuro. 

Encántalle ensinar aos seus alumnos o 'revés cortado', aínda que o seu golpe é a 'bolea de dereita cortada' e confeso a Isabel que tiven que pedirlle a Google que me ilustrase cos seus vídeos para saber como son. A súa última consecución foi o título de campioa do mundo senior xunto á súa compañeira Vanesa Alonso. Consecución nun deporte que segue sendo preponderante en terreo masculino e no que Isabel sentiu discriminación por ser muller. Con todo, e para engadir o punto positivo, a situación vai cambiando, comenta en PontevedraViva Radio.

E falando de positivo: para ela o da crise dos 40 é mito, "nada de crise, a min enchéronme de vitalidade e véxome no mellor momento". Aquí discrepo, aínda creo que queda un momento mellor, cando ese soño ou ese proxecto que manexa comece a levantar cimentos. Que cal é?, que o conte ela, así que pulsa 'play'.