O novo proxecto deportivo do Arosa na Segunda RFEF non terá como adestrador a Rafa Sáez.
O pontevedrés, acompañado do presidente do club Manolo Abalo e do director xeral Rodrigo Lojo, fixo pública este luns a decisión de abandonar o banco arlequinado despois de tres tempadas.
Non será en todo caso unha despedida, e é que o pontevedrés farase cargo a partir de agora da dirección deportiva do Arosa. Nesta nova etapa o seu obxectivo será armar un equipo competitivo para asentarse na nova división e consolidar así a estrutura do club en categoría nacional.
Desta forma Rafa Sáez abre unha nova etapa nun dos clubs da súa vida, no que foi xogador e tamén adestrador.
O técnico completou nesta última etapa tres tempadas en banco da Lomba, levando ao equipo para xogar despois de moitos anos unha fase de ascenso e completando esta última campaña a xesta co buscado e esperado ascenso á Segunda RFEF.
O Arosa espera agora poder anunciar o nome do seu novo adestrador nos próximos días.