Recomendacións do Pontevedra xunto á Policía Nacional de cara ao derbi contra o Celta Fortuna

Pontevedra
24 de abril 2026

O club lerezano e as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado recomendan acudir con máis antelación da habitual ao partido. O club compartiu esta e outras indicacións nas súas redes sociais

Partido entre Pontevedra CF e Club Deportivo Lugo en Pasarón

Cinco finais quedan ao Pontevedra Club de Fútbol para lograr a ansiada clasificación ao play-off de ascenso a Segunda División.

Este sábado ás 16:15 terá lugar a primeira desas finais e será no Municipal de Pasarón contra un rival de entidade como é o Celta Fortuna. A situación do equipo xunto á boa dinámica das últimas semanas espertaron un gran interese na cidade por acudir a un encontro que pode ser determinante.

E é que os de Rubén Domínguez son terceiros na táboa con 52 puntos, xusto por detrás do filial celeste. Unha vitoria achegaría enormemente ao conxunto granate ao soño do play-off.

Desde o club lerezano tamén se incentivou á afección a arroupar ao seu equipo cunha promoción na que cada socio pode retirar unha entrada para a súa mesma granda por 1€.

Sectores como Fondo Norte xa colgan o cartel de "completos" desde mediados desta semana.

As previsións sobre a asistencia a Pasarón son optimistas, polo que o Pontevedra CF xunto ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado recomendan á afección granate acudir ao recinto deportivo con máis antelación da habitual para evitar longas colas nas entradas.

A entidade lerezana compartiu nas súas redes sociais esta e outras indicacións enfocadas a xerar o mellor ambiente posible ao longo dos noventa minutos de partido.

Ir a Pasarón con roupa granate e animar durante todo o encontro son algunhas das suxerencias que o club compartiu cos seus seguidores de cara á importantísima cita deste sábado.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora