Reto de altura para o Poio Pescamar na cancha do intratable Atlético Navalcarnero

Poio
31 de xaneiro 2020

O conxunto vermello visita a cancha do líder invicto da Primeira División (sábado, 19:15 horas) coa difícil misión de tentar puntuar e sobrepoñerse ás súas últimas derrotas

Partido entre Poio Pescamar e Xaloc Alacant na Seca Diego Torrado

O máis difícil aínda para o Poio Pescamar. Despois de tres derrotas consecutivas o conxunto vermello afronta este sábado (19:15 horas) a saída máis  complicada do curso, á pista do ata o de agora líder e intratable Futsi Atlético Navalcarnero.

O cadro madrileño sumou os seus 18 encontros por vitoria, sen fallo, coa friorenta de 110 goles a favor (o Poio suma 58) e só 26 en contra. 

Todo un reto de altura para un plantel que quere recuperar o impulso perdido na clasificación para non perder as opcións de pelexar por unha cuarta posición da táboa que se afastou a 6 puntos de distancia.

Uns números que poden asustar pero tamén motivar, pensando no precedente da primeira volta no que o resultado foi un axustado 1-2, o partido con menos goles do Atlético esta tempada.

Esta complicada cita servirá de inicio dunha importante semana para o Poio Pescamar, na que recibirá o Roldán nos cuartos de final da Copa do Raíña cun posto para a final a 4 en xogo.