Aos poucos as augas van volvendo ao seu leito no Poio Pescamar, tras o brote de Covid no equipo con tres casos positivos inicialmente detectados nas probas realizadas tras a disputa da Supercopa de España.
Esa situación obrigou a confinar todo o plantel conserveiro, non só ás xogadoras infectadas por coronavirus, ao considerarse contactos estreitos das afectadas, suspendendo por tanto os adestramentos e provocando o aprazamento do partido de liga fronte ao Leganés.
Tampouco se poderá xogar o duelo desta próxima fin de semana na pista do Roldán, pero no club vermello espérase que sexa a última xornada que se aprace.
A intención de feito no Poio Pescamar é poder retomar os adestramentos o vindeiro luns 25 de xaneiro, ao cumprirse entre venres e sábado o período de corentena preventiva obrigado polas autoridades e non presentar xa síntomas da enfermidade ningunha futbolista. Aínda así antes de poder facelo o plantel debe someterse a unha nova rolda de probas PCR, volvendo á normalidade só no caso de que os test resulten negativos.
De cumprirse os prazos o conxunto conserveiro contaría con toda unha semana para preparar o seu primeiro partido oficial, que coincidiría coa visita ao Cidade das Burgas o día 30 de xaneiro.
En canto aos choques aprazados, a intención é poder disputalos nas dúas datas reservadas para iso no calendario aprobado pola Real Federación Española de Fútbol.