Rial, Fischer e Sergio Pérez, primeiras baixas confirmadas polo Teucro

Pontevedra
23 de maio 2019

No caso de Guillermo Fischer e Sergio Pérez, o club pontevedrés confirma que as súas saídas prodúcense tras abonar a cláusula de rescisión do seu contrato. Os tres despediranse do Teucro este sábado ante o Benidorm no último partido da tempada

Rial, durante un adestramento do Teucro Mónica Patxot

A Sociedad Deportiva Teucro confirmou este xoves as tres primeiras saídas de xogadores para a planificación da próxima tempada, na que xogará na División de Honra Prata.

Trátase de José Rial, Guillermo  Fischer e Sergio Pérez, tres homes que se despedirán do club no  últimom partido da tempada, este sábado (17:00 horas) ante o Benidorm no Pavillón Municipal dos Deportes.

No caso de Fischer e Sergio Pérez, os dous xogadores incorporados o pasado verán tiñan contrato en vigor, pero segundo confirmou o Teucro abonarán as cláusulas de rescisión establecidas. Desta forma continuarán na máxima categoría, apuntando respectivamente a Anaitasuna e Huesca.

Rial pola súa banda abandona a disciplina azul tras unha longa traxectoria en dúas etapas, de 2011 a 2013 e desde a campaña 2015/2016.

"A SD Teucro quere destacar a profesionalidade dos tres xogadores e agradecerlles a entrega e compromiso en cada partido", sinalou a entidade pontevedresa no seu comunicado.