Rubén Domínguez ante a última saída do ano: "O Barakaldo paréceme un equipazo e máis no seu campo"

Pontevedra
19 de decembro 2025
Actualizado: 14:19

O adestrador granate recoñece que chegan ao límite ao parón, e é que "o esforzo ao final non só é físico, tamén hai un esforzo mental, nesta categoría cada partido lévate ao límite"

Rubén Domínguez, no partido entre Pontevedra CF e Mérida en Pasarón
Rubén Domínguez, no partido entre Pontevedra CF e Mérida en Pasarón / Cristina Saiz

Ganas de parón ten xa o Pontevedra Club de Fútbol, pero antes fai unha conxura para o último esforzo do ano e para conseguir tres puntos en Barakaldo (domingo 21 de cieimbre, 16.00 horas) que supoñen "unha oportunidade de seguir abrindo un espazo coa permanencia e ese pequeno reto de manternos unha semana máis en play-off".

Son palabras de Rubén Domínguez desde a sala de prensa do Estadio Municipal de Pasarón antes de emprender o desprazamento a terras vascas.

O seu equipo, recoñece, chega coas baterías ao límite máis aló das últimas baixas de Brais Abelenda e Vidorreta, e é que "hai que ser conscientes de que o esforzo ao final non só é físico, tamén hai un esforzo mental, na categoría na que estamos cada partido lévate ao límite", explica o preparador granate.

A pesar diso viaxan con "máxima ilusión", e reivindicando a solidez mostrada até a data xa que "só o Tenerife perdeu máis que nós, así que creo que o traballo está a ser bo".

Espera de todos os xeitos un duro partido en Lasesarre. Polo menos así se desprende dun Rubén que considera que "o Barakaldo me parece un equipazo e máis é o seu campo".

"É un equipo súper intenso, non regala un metro, non regala un minuto. Están do minuto cero que pita o árbitro ata que pita o final presionando todo o intre, están a empuxar todo o intre, metendo moita xente na área, moito centro... É un equipo que creo que vai estar na parte alta da táboa e dígoo agora na xornada 16", analizou.

O que non quixo desvelar o técnico é quen ocupará a portaría do Pontevedra, nin tampouco entrar moito no debate aberto polo bo nivel mostrado tanto por Marqueta como por Edu Sousa.

"Ao principio xogou Marqueta, agora está a xogar Edu, pero é un debate que existe desde o día 1. Para min non hai debate, son dous moi bos porteiros e como xogadores hai que utilizalos", resolveu o responsable do banco pontevedrés.