Gañar en Barakaldo o vindeiro domingo 21 de decembro, no último partido de 2025, "sería dar un salto brutal en cuestión de puntos, deixar aínda máis lonxe o descenso e seguir na parte alta da táboa".
Así o recoñeceu este mércores en rolda de prensa un dos futbolistas máis destacados no que vai de curso no Pontevedra Club de Fútbol, Antonio Montoro, xa sexa na súa posición natural de defensor central ou como nos últimos encontros participando no centro do campo.
Os granates chegan xustos de enerxía ao último compromiso do ano, pero fano coa súa ambición intacta.
"É verdade que estamos cansos, pero non é escusa para chegar o domingo e competir alí da mellor maneira para tentar traernos o tres puntos", afirma.
Todo iso sen perder a perspectiva do obxectivo real do club, a permanencia en Primeira RFEF, e é que "temos a tres partidos xa o descenso e creo que desde o principio de tempada o obxectivo principal é salvar a categoría, asentarnos na categoría e logo obviamente, se seguimos a facer as cousas como se están a facer, por que non soñar?", sinalou Montoro.
"Creo que o equipo está convencido do que fai, está a traballar consciente da situación á que queremos chegar a final de tempada e creo que estamos a dar bos pasos", defende o xogador do Pontevedra elixido para comparecer este mércores desde a sala de prensa do Estadio Municipal de Pasarón.
Un Montoro que sobre a súa situación particular como centrocapista ocasional mostrouse disposto a axudar o equipo no que sexa necesario. "Anos atrás xoguei algún partido solto tamén por necesidade nesa posición. Eu intento axudar o equipo, facelo o mellor posible, o que me pide o míster e por suposto sempre con actitude e con boa cara", defendeu.
Por último tamén analizou o próximo rival en liga, un Barakaldo que "é un equipo que sabe moi ben ao que xoga, como presionar a cada rival. Sabemos que vai ser un partido moi incómodo, pechado, no que non podemos regalar ningunha acción porque eles manteñen un nivel de esixencia durante os 90 minutos moi alto". Por ese motivo "temos que estar concentrados de principio a final".