O Pontevedra Club de Fútbol deu un golpe sobre a mesa este domingo en Pasarón cunha brillante vitoria por 3-1 fronte á Ponferradina, un dos equipos máis sólidos do momento con tan só tres goles encaixados nesta segunda volta.
"Achegámonos moito ao que vimos o domingo pasado aquí, contra un rival que só encaixara tres goles en toda a segunda volta, e nós logramos meterlle tres e xerar moitas situacións de gol para facer algo máis", sinalou o adestrador. Concretamente, para Domínguez os seus xogadores estiveron "espectaculares" na primeira media hora "cunha presión tras perda moi boa, presionando alto e incomodando o seu xogo".
O adestrador valorou o esforzo do grupo nunha semana de tres partidos, e destacou o papel do seu corpo técnico e, especialmente, de Adrián Abalo, "o arquitecto", e de Alain Ribeiro, autor dos tres tantos.
"O único que podemos facer é agradecerlle os seus goles e o seu esforzo. Leva todo o ano sacrificándose por e para o equipo. É unha gozada, é un rapaz marabilloso, un currante nato e ninguén lle regala nada", sinalou Domínguez.
O técnico tamén quixo agradecer o empuxe do público de Pasarón, que por primeira vez esta tempada coreou o seu nome. "É un orgullo", recoñeceu, "ao final iso quere dicir que que están contentos co noso traballo. Eu só son un currante máis dentro do corpo técnico e ao mesmo nivel que os xogadores. Aquí o importante é o Pontevedra e non as persoas a nivel individual que formamos parte seu. Todos como grupo estamos a ser un equipo súper fiable, súper forte e iso é o que buscamos desde dentro. Impórtame máis que estean como estiveron cos xogadores, que os levaron polo aire. Todo o que nós propoñamos teñen que executalo os xogadores, executárono de marabilla unha vez máis e agradezo iso porque hai moito traballo detrás. Agora temos que seguir currando porque o mellor está por chegar".
Con esta vitoria fronte a un rival directo como é a Ponferradina, os granates deron un paso de xigante para volver meterse entre os cinco primeiros, algo que o Pontevedra vai tentar manter "por todos os medios". En caso de conseguilo, "iremos con todas as nosas ganas a polo ascenso".
Esa ilusión e ese soño está aí, pero o técnico segue pedindo manter os pés no solo. "Fixemos un partidazo, hoxe fixemos tres puntos que son case catro polo gol average e agora é cando máis tranquilidade temos que ter e desbordar a ilusión. A ilusión non nos vai a gañar ninguén, estou completamente seguro, se non o conseguimos vai ser porque outros cinco o fixeron mellor que nós", recoñeceu.
Con seis semanas por diante, Domínguez finalizou a súa intervención en rolda de prensa facendo un novo chamamento á afección, ir "todos a un tempo" e "loitar ata o final".