Rufo recolleu este mércores o premio a mellor xogador do mes de febreiro do Pontevedra e aproveitou o momento para facer unha valoración da preocupante situación que atravesa o primeiro equipo. "Non é momento de premios pola situación do club", admitiu o ariete granate, quen recoñeceu que o vestiario está "tocado" e que dá por feito que xogarán a segunda fase pola permanencia co obxectivo de "quedar primeiros".
Asume o dianteiro madrileño que as tres derrotas do Rácing de Ferrol, única vía do Pontevedra para acabar entre os seis primeiros sempre que venzan ao Guijuelo o día 28, é algo "surrealista". Aínda así, non perden a esperanza e esta mañá ao terminar o adestramento estarán todos pendentes do encontro contra o Coruxo. "Oxalá, sempre estaremos co ollo aberto", puntualiza.
Aínda que prefire non empregalo como escusa, non pode evitar Rufo sentirse de acordo coa valoración que fixo o adestrador do Coruxo tras a derrota en Pasarón sobre o formato de competición desta tempada. "Estamos todos de acordo coas declaracións de Míchel, pero igual non é momento de falar diso porque todos subímonos a este barco. Os que estamos abaixo falamos mal e os que están arriba, ben", argumentou o atacante.
Con todo, admite que "é unha liga rara porque te xogas un proxecto moi importante dunha tempada enteira en moi poucos partidos e as dinámicas son moi claras. O que se ve nunha liga é a continuidade dun ano enteiro e ao final cada un acaba na súa posición. Agora, a estas alturas, iso non o reflicte a clasificación. Se na priemra parte da liga tiveches lesionados ou malos momentos, che crucifica e non hai tempo a reaccionar".
Neste sentido, recoñece Rufo que "todos tiñamos unha ilusión moi grande, o club fixera un proxecto moi ambicioso e todos o sentiamos desde dentro, e seguímolo sentindo, que temos equipo para moito máis. Pero o futbol é isto e os resultados sitúanche na clasificación".
Sen dedicar máis enerxías das necesarias ás lamentacións, Rufo prefire centrarse en salvar a tempada. "O noso obxectivo a día de hoxe xa o temos pensado e é salvar a categoría e tentar quedar primeiros na seguinte fase", confesa o dianteiro.
A reacción no último partido fronte ao Coruxo, despois da dolorosa derrota en Riazor, permite ao Pontevedra afrontar a seguinte fase con relativo optimismo. "Estamos tocados, pero gustoume moito a reacción do equipo porque era un partido máis complicado do que se pensa, sobre todo psicoloxicamente. O equipo deu a talla e polo menos a afección merécese que sigamos rendendo así ata final de tempada", destaca.
Tamén está feliz polo seu rendemento individual. "Sempre que marco gol estou contento e máis no meu caso, que son do que máis esperan que meta goles. Pero sobre todo porque o equipo atopouse co gol, que é o que che dá puntos", rematou.
Non quere quitar o foco Rufo da presente tempada, pero moitos afeccionados temen que a caída do Pontevedra á 2ª RFEF signifique a marcha do pichichi granate. "Teño un ano máis de contrato e en Pontevedra estou feliz, como na miña casa. Nin me expoño pensar iso agora porque hai que loitar polo que hai que loitar e pensar no Pontevedra. Estou moi a gusto e se a presidenta veo así, eu teño contrato", dixo sobre a súa continuidade no equipo.