Saleta Castro necesitaba un podio en Maastritcht (Holanda) para achegarse ao Mundial de Ironman, que se disputará en outubro en Kona (Hawaii) e conseguiuno entrando en segundo lugar e con iso alcanzar a cifra de 4.645 puntos que case lle garanten, salvo sorpresa, estar entre as 40 mellores do ránking mundial, que son as elixidas para estar na máxima proba da especialidade.
Na localidade holandesa púidose presenciar unha proba durísima, que contou coa participación de só 5 triatletas femininas. A americana Mary Beth Ellis loitou contra os homes cunha auténtica demostración de poderío. Ellis saíu soa da auga con 2:30 sobre Sarissa De Vries e máis de 6 á tamén holandesa Boterbrood e Saleta Castro.
Os 180 km de ciclismo foron un recital para Beth Ellis que se plantaba na T2 con 22:46 sobre Tineke Van der Berg e moito máis ás outras 3 competidoras. Saleta baixábase última na T2 a máis de 37 minutos, pero reservando forzas para a maratón.
E aí foi onde Saleta Castro rendeu ao máximo. Impresionante o seu rendemento no maratón co que se coroaba a proba. A pontevedresa percorreu os 42 quilómetros nun tempo de pouco máis de tres horas (3:04:48), o mellor parcial das participantes para completar a proba nun tempo total de 9:51:07.
Na carreira, Beth Ellis aumenta moito a vantaxe e no kilometro 21 ten máis de 30 minutos, mentres Saleta Castro ía pasando adversarios e no quilómetro 30 é segunda a 30 minutos de Ellis, á que recortou 7 minutos.
Saleta segue recortando e no quilómetro 37 mete 8 minutos á 3ª que é Tineke, ata quedar finalmente segunda, a 26:55 da americana Ellis, que levou a proba, esnaquizando o record para deixalo en 9:24:42 entrando novena da xeral.