Só dous futbolistas do Pontevedra Club de Fútbol completaran ata o de agora todos os minutos de liga, os dous inquilinos do centro da defensa, David Soto e Churre. Con todo a expulsión do marinense en Langreo, que ademais queda con 4 amarelas, rompeu esa situación abrindo a porta ao once inicial de compañeiros que ata a data gozaran de poucas oportunidades.
Partidario a repetir aliñación cando as cousas marchan ben, Ángel Rodríguez non introducira variacións nas últimas semanas, pero ante o Ceares verase obrigado a iso cunha vacante na zaga.
As oposicións ao posto abriron cun candidato mellor posicionado que o resto. Trátase de Samu Santos, defensor de 21 anos que este curso aterrou no club granate procedente do Choco e que foi precisamente o home que ingresou no terreo de xogo en Asturias tras a tarxeta vermella a Churre, os últimos 9 minutos de partido (máis o desconto).
Aínda que gozou de poucos minutos ata a data, Santos é o defensor do primeiro plantel que máis asomou polo verde fóra dos catro titulares as últimas semanas (Seoane, Soto, Churre e Samu Araújo nunha terna á que se sumou varias xornadas Álex González).
O ex do Choco estreouse na segunda xornada con 34 minutos no empate do Pontevedra en Móstoles (2-2), entrando no campo para relevar a Romay, e desde esa data só volveu sumar na xornada 8 contra a Gimnástica Segoviana (triunfo por 0-2) aínda que foi de maneira testemuñal, xa que saltou ao campo por Álex González no último minuto do partido. O defensor acumula ademais un total de 8 convocatorias nos que vai de curso.
Non parecen grandes números pero superan con fartura ao resto de defensas con ficha do primeiro equipo, xa que o outro central dispoñible, Pacheco, só sumou 4 minutos contra o Bergantiños na xornada 4 sendo convocado soamente en tres ocasiones.
Pola súa banda dous laterais como Santi Figueroa e Pablo López non chegaron nin a estrearse esta campaña, con tres e unha convocatoria respectivamente.
Desta forma a 'pole' osténtaa Samu Santos apuntando ao once do partido ante o Ceares, a non ser que o técnico granate aposte por reconverter de posición a un futbolista que non sexa defensa específico, algo non non se pode descartar pero que se antolla pouco probable.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.