Sara Cortegoso, cun ouro, lidera á armada pontevedresa no Nacional Absoluto de Taekwondo

Pontevedra
05 de marzo 2018

A deportista do Mace Sport de Pontevedra proclamouse en Valladolid campioa de España absoluta da súa categoría, mentres que o Mat's de Marín sumou tres medallas por medio de Pablo Fernández, Iván García e Arlet Ortiz

Sara Cortegoso (centro) proclamouse en Valladolid campiona de España de taekwondo
Sara Cortegoso (centro) proclamouse en Valladolid campiona de España de taekwondo / Federación Galega de Taekwondo

Grandes resultados para a armada pontevedresa no Campionato de España de Taekwondo celebrado durante a fin de semana en Valladolid.

O máximo expoñente destes resultados foi Sara Cortegoso, ao lograr a medalla de ouro na súa categoría (-49 quilos) cunha competición sobresaliente que  concluíu nunha emocionante final.

A deportista do Mace Sport superou catro combates para proclamarse campioa nacional, empezando coa castelán-leonesa Camino Nava, á que superou por un claro 22-4. Máis contundente foi incluso o seu enfrontamento coa valenciana Monika Petrova en cuartos de final (22-1). Xa en semifinais a dificultade elevouse ante a madrileña Ana de la Fuente, nun intercambio de puntos que se decidiu en favor da pontevedresa (10-11).

Así chegou á gran final, na que a rival era a valenciana Blanca Palmer. Sara foi case todo o duelo por detrás no marcador, pero no último suspiro nun intercambio de golpes conseguiu poñerse por diante para facerse co ouro, confirmado tras o vídeo replay que solicitou á desesperada a súa rival.

TRES MEDALLAS PARA O MAT'S DE MARÍN

En Valladolid tamén destacou o Mat's de Marín ao lograr ata tres medallas, dúas de prata e unha de bronce.

Iván García (-87 quilos) foi unha da pratas ao ceder unicamente na gran final ante Daniel Ríos nun combate que se decidiu no punto de ouro. Antes o deportista marinense superara ao valenciano Valentín Guinea e o madrileño Javier Mármol.

Tamén se proclamou subcampión de España Pablo Fernández (+87 quilos). O taekwondista do Mat's venceu en cuartos de final ao estremeño Sergio María por 19-13 e en semifinais ao aragonés Borja Sánchez por 13-11, pero cedeu no combate polo título ante o tamén aragonés Antonio Artal .

Pola súa banda o bronce foi para Arlet Ortiz en -53 quilos. A marinense superou en primeira rolda á madrileña Sara Fraile nun combate que finalizou en empate (0-0) e que se decidiu no punto de ouro. Despois venceu en cuartos de final á manchega Natalia Ruedas por 5-2. Así chegou á semifinal, onde Tania García apartoulle da loita polo título ao caer por 2-9.