A Selección Española estreará en Pontevedra unha "bomba" de coreografía a ritmo de Rosalía

Pontevedra
16 de abril 2026

A Copa do Mundo de Natación Artística de Pontevedra é a cita escollida por España para presentar a súa nova rutina acrobática con música de Rosalía, segundo confirmou a seleccionadora nacional

Exhibición da Selección Española Absoluta de Natación Artística en Rías do Sur

A Copa do Mundo de Natación Artí­stica que se celebrará en Pontevedra entre o 29 e o 31 de maio é o lugar escollido pola Selección Española Absoluta para presentar unha nova e rechamante coreografía na que levan meses traballado e coa que aspiran ao máximo pensando nos Xogos Olí­mpicos de Los Ángeles.

A rutina acrobática que presentará por primeira vez España contará con música de Rosalí­a e o seu rompedor disco Lux. Toda unha garantí­a de impacto para o público.

Así­ o confirmou a seleccionadora nacional, Andrea Fuentes, en declaracións como as ofrecidas hai uns dí­as a Radio Nacional de España.

"Con Rosalí­a fixemos unha bomba que imos presentar en Pontevedra por primeira vez, na Copa do Mundo, que hai anos que non se fai en España", avanzou a seleccionadora.

"Vaise a encher a bancada. Temos moitas ganas de presentar por primeira vez estas coreografí­as novas que fixemos que van ser un bombazo", afirmou a adestradora do equipo nacional.

Unhas declaracións feitas antes de que as entradas para a Copa do Mundo de Pontevedra se puxesen á venda, e que demostraron a gran expectación levantada pola Selección Española ao esgotar as localidades das sesións de sábado e domingo pola tarde (cando se disputará a final da rutina acrobática) nun dicir amén.

De feito das seis sesións que comporán a programación desta gran competición internacional xa só quedaban dispoñibles este xoves 16 de abril entradas para o venres, tanto de mañá como de tarde, e o sábado en sesión matinal.

Os billetes teñen un prezo de 10 euros para as xornadas matinais e de 15 euros para as de tarde.

A de Pontevedra será a primeira gran competición que disputará a Selección Española Absoluta de Natación Artí­stica co seu equipo titular desde o Campionato do Mundo de Singapur en 2025.