Sergio Doval arbitrará no play-off a Segunda División: "É unha alegría e unha satisfacción enorme"

Pontevedra
26 de maio 2026

O asistente pontevedrés asegura que esta oportunidade "é polo que pelexei desde que entrei nisto". Ten claro que "será un partido máis" e o importante "é saír relaxado e gozalo"

Sergio Doval, nun partido en Pasarón

Dous anos despois do seu ascenso a Primeira RFEF, o asistente pontevedrés Sergio Doval Gil arbitrará por primeira vez un play-off de ascenso á categoría de prata.

O colexiado, único representante de Pontevedra, chega á cita despois de estar tres tempadas en Segunda RFEF, nas que participou en tres fases de promoción, e agora, tras só dúas campañas en Primeira RFEF, farao na fase de ascenso a Segunda División.

Xunto a el estará tamén outro galego, o vigués e árbitro principal Javier Figueredo.

"É unha alegría e unha satisfacción enorme", recoñeceu o pontevedrés, quen asegura que a oportunidade de arbitrar "un partido de ascenso a Segunda é a cúspide do traballo e polo que pelexei desde que entrei nisto, chegar a arbitrar un partido deste nivel".

O asistente pontevedrés móstrase tranquilo e asegura que "será un partido máis. Ao final son 11 contra 11, así que quero facelo o mellor posible, como todos os partidos. O importante é saír relaxado e, sobre todo, gozalo. Moitas veces imos con esa presión engadida de querer facelo o mellor posible e eu creo que indo relaxado é como mellor salguen as cousas".

Doval recoñece a importancia dos play-off "por todo o que supoñen", especialmente pola presión que xeran os afeccionados. En todo caso, ten claro que despois de arbitrar 28 partidos en liga regular, "agora é un máis. É certo que ten a importancia que ten porque é un play-off, pero ao final implica o mesmo que os outros 28".

O seu pai, Julio Doval, foi durante cinco tempadas asistente na Segunda División española e agora é o referente de Sergio. "O meu pai foi o último asistente profesional de Pontevedra e a ilusión que teño desde pequeno é poder recoller esa testemuña que deixou, volver ser o novo asistente profesional. Imos traballalo, a pelexalo e a ver si algún ano conseguímolo", afirma.

Neste sentido, recoñece que o máis importante e o que máis destaca de arbitrar noutras categorías é a experiencia que obtivo durante estes anos. "Vale moito", asegura. "Ao final é certo que todos queremos chegar canto máis mozos mellor, chegar a ser profesional e estar arriba, pero realmente a experiencia dáche moita tranquilidade e con tranquilidade todo leva mellor".

O seu obxectivo, en calquera caso, é "gozar e tentar chegar o máis alto posible pero sempre cos pés no solo. A competencia é moita e hai moita rivalidade, pero imos traballar por iso".