Sergio Troitiño e Silvia Otero, ouro e prata no Campionato de España Júnior de taekwondo

Pontevedra
06 de marzo 2022

Os deportistas galegos acadaron seis ouros con Sergio Troitiño, Noa Romero, Javier Otero, Samuel Meilán, Iago Mallo e Adrián Salanova; tres pratas con Silvia Otero, Sara Soneira e Helena García; e tres bronces con Ekaterina Rebón, Carme Santamaría e Inés González

Campionato de España Júnior de Taekwondo celebrado en Xaén
Campionato de España Júnior de Taekwondo celebrado en Xaén / Federación Galega de Taekwondo

Galicia logrou a primeira posición na clasificación xeral por equipos do Campionato de España Júnior, que se celebrou este sábado en Xaén.

Os deportistas galegos acadaron 6 ouros con Sergio Troitiño, Noa Romero, Javier Otero, Samuel Meilán, Iago Mallo e Adrián Salanova; 3 pratas con Silvia Otero, Sara Soneira e Helena García; e 3 bronces con Ekaterina Rebón, Carme Santamaría e Inés González.

Destacaron os papeis dos atletas do Mat's de Marín Sergio Troitiño e Silvia Otero, que conseguiron un ouro e unha prata respectivamente na competición.

Troitiño no peso pesado superou primeiro ao madrileño Miguel Ángel Pérez (23-0); na semifinal a Ayonal Hernández (Canarias) por 26-3 e na final a Lucas Vera (Canaria) por 10-1, quedando así en primerira posición.

Otero, pola súa banda conseguiu a medalla de prata en -44 tras non superar na final á catalá Ana López nun axustadísimo combate. Antes, Silvia gañou a Elena Serrano (Andalucía) por 4-11 e á navarra Erkuden Moreno (6-17).

O resto de ouros masculinos foron para Javier Otero (Kae Sport) en -48 quilogramos, Samuel Meilán (Tao) en -59, Adrián Salanova (Maniotas) en -68 e Iago Mallo (Tao) en -78.

Finalmente, as medallas femeninas foron: o ouro galego feminino para Noa Romero, pratas para Helena García (Dobok) e Sara Soneira (BoudSport) en +68 y -55 respectivamente, e o bronce para Ekaterina Rebón (Número Phi) e Carme Santamaría (Natural Sport Ribeira) en -59.