O Mat's de Marín pode presumir dun novo resultado importante dos seus deportistas nunha competición internacional, esta vez no Open de Bélxica de Taekwondo.
O balance para os deportistas do club marinense foi de dúas medallas de prata en categoría sénior e un ouro e un bronce en idade júnior.
A nivel absoluto Iván García volveu demostrar o seu gran estado de forma ao proclamarse subcampión do torneo no peso pesado (+87 quilos). Venceu en primeira rolda o polaco Krystian Haremza de maneira contundente (21-1), e na semifinal superou o francés Omar El Yazidi (9-2). Xa no combate final cedeu esta vez contra o estadounidense Jonathan Healy, principal cabeza de serie (1-6).
Tamén subiu ao podio Arlet Ortiz (-57 quilos), no seu caso tras superar ata catro combates contra a tamén galega Yadira Reimúndez (5-2), contra a libanesa Laetiti Aoun (20-13), a británica Grace Jones que era a principal favorita (23-22) e en semifinais contra a grega Faidra Kalteki decidíndose ao seu favor no punto de ouro. No que respecta a a final, cedeu contra a belga Raheleh Asemani nun apertado combate (10-11).
A participación do Mat's de Marín completárona en categoría júnior Sergio Troitiño levando a medalla de ouro no seu peso (+78 quilos) ao vencer na final ao alemán Kirills Gatcins (2-1), e Silvia Otero (-44 quilos) cun bronce tras superar dúas roldas e caer na semifinal ante a holandesa Bousname, que se proclamaría campioa.