Sergio Vega e o Froiz arrasan na Volta a Galicia

Pontevedra
23 de setembro 2018

O Froiz acaparou os podios con vitoria na xeral para Sergio Vega acompañado por Martin Lestido e Iván Martínez. Lestido tamén se facía coa camisola azul de primeiro galego, anotándose tamén a vitoria por equipos

Equipo del Froiz, vencedor da Volta a Galicia 2018 GD Supermercados Froiz

A esixencia da última etapa da Volta Ciclista a Galicia celebrada na localidade lucense de Monforte de Lemos non foi suficiente para poñer en risco o triunfo do ciclista do Froiz, Sergio Vega. O vixente campión de España permitiuse o luxo de defender a camisola amarela sumándose aos intentos de fuga que se produciron na xornada, nunha volta dominada de principio a fin polo equipo que dirixe Evaristo Portela.

A combatividade de José "Chava" Angulo (Rías Baixas) e De Mateos (Cortizo Anova) foi a principal oposición a un líder que contou en todo momento coa axuda do resto da formación do Froiz que en ningún momento perdeu o control de carreira.

Os multiples ataques nunha xornada esixente acabaron cunha chegada masiva á liña de meta de Monforte con triunfo de etapa para Fran Zurita (Rías Baixas) que lograba así a segunda vitoria parcial para a formación miñorana. Zhigunov (Lizarte) e Ropero (Fundación Contador) secundárono no podio do día.

O Froiz acaparou os podios con vitoria na xeral para Sergio Vega acompañado por Martin Lestido e Iván Martínez. Lestido tamén se facía coa camisola azul de primeiro galego, anotándose tamén a vitoria por equipos.

A escuadra alimenticia unicamente deixou para os seus rivais os premios menores, con Samuel Blanco (Cortizo Anova) que se adxudicou a camisola de puntos vermellos de mellor escalador e o seu compañeiro de equipo, Jorge Montenegro, o verde das metas voantes. Iñigo Elosegui do Lizarte foi a camisola branca de mellor sub23 da proba.

Coa Volta a Galicia ponse o punto e final á tempada de carreiras por etapas en España.