Silvia Aguete e Ceci, convocadas de novo pola Selección Española de fútbol sala

Pontevedra
02 de xullo 2014

Ambas as dúas xogadoras foron citadas a unha concentración que se desenvolverá na Cidade do Fútbol de Las Rozas do 24 ao 30 de agosto. José Venancio volve contar coa gardameta do Poio FS, que non acudira ás últimas convocatorias

Presentación de Silvia Aguete como nova xogadora do Poio Pescamar Diego Torrado

O seleccionador nacional de fútbol sala volveu confiar na gardameta do Poio FS Silvia Aguete, que acudirá por segunda vez a unha convocatoria do combinado español.

Silvia, que non estivera presente nas últimas citas da Selección, foi incluída na lista de xogadoras que participará nunha concentración na Cidade do Fútbol de Las Rozas entre os días 24 e 30 de agosto.

Nesa concentración tamén estará a marinense Cecilia Puga, Ceci, habitual nos plans de José Venancio nos últimos compromisos internacionais e que estreará a súa condición de futbolista da Lazio de Roma, club co que xogará a próxima tempada.

A convocatoria complétana: Belén e Ana Luján (Atlético de Madrid), Vane (Ponte Ourense), Chamorro (Móstoles), Isa García e Desiré (Alcorcón), Lucía (As Burgas), Amelia, Andrea e Sara Navalón (Universidad Alicante), Peque (Burela), Amparo (Citta di Montesilvano) e Eva (Rioja).