O Poio Pescamar di adeus a unha das súas xogadoras máis importantes e clave no crecemento do club nos últimos anos, Silvia Aguete.
A gardameta pontevedresa, internacional coa Selección Española e nomeada en 2020 mellor porteira do mundo (premio correspondente á campaña anterior), non seguirá defendendo a camiseta do club vermello, poñendo fin ao seus 34 anos a oito campañas nas súas filas repartidas en dúas etapas.
Trátase da primeira baixa confirmada no equipo unha vez finalizada a tempada.
"Só temos palabras de agradecemento e desexámoslle o maior dos éxitos nos seus próximos proxectos. Esperamos que algún día os nosos camiños se crucen para un novo proxecto deportivo", sinalou a entidade da Seca tras confirmar a súa saída.
Silvia Aguete chegou na tempada 2012/2013 ao Poio Pescamar procedente do Leis, club no que permaneceu ata o de agora cun breve parón dun ano (tempada 15/16), sendo peza indiscutible para todos os seus adestradores.
Durante ese tempo, ademais de levantar dous títulos da Copa Xunta co seu club e chegar a unha final da Copa da Raíña, Aguete defendeu a portería da Selección Española, coa que se proclamou campioa de Europa en 2019.