Sorteado o calendario de competición na Terceira División

O Salnés
16 de xullo 2016

Ribadumia e Céltiga arrincarán a liga na casa ante Dubra e As Pontes respectivamente, mentres Arosa e Villalonga debutarán fóra da casa ante Choco e Racing Villalbés. A primeira xornada de liga disputarase o 21 de agosto

Sorteo do calendario de Terceira na Asemblea da Federación Galega de Fútbol

A asemblea da Federación Galega de Fútbol, que tivo lugar este sábado en Santiago de Compostela, celebrou o sorteo do calendario de competición na Terceira División.

A liga arrincará o próximo 21 de agosto, e farao con Ribadumia e Céltiga xogando como locais. O Ribadumia recibirá na primeira xornada na Senra ao Dubra, mentres o Céltiga enfrontarase ao As Pontes.

Pola súa banda o Arosa debutará fóra de casa ante o Choco e o Villalonga, no seu retorno á categoría, farao no campo do Racing Villalbés.

Unha semana despois, na segunda xornada, xogaranse o Arosa-Cerceda, Villalonga-Rápido de Bouzas, Compostela-Ribadumia e o Dubra-Céltiga.

En canto á última xornada da liga regular, o Arosa será o único que despedirá a competición a domicilio, no campo do Rápido de Bouzas. O resto de equipos da comarca farano en casa, co Ribadumia-As Pontes, Villalonga-Órdenes e Céltiga-Castro.