Subcampionato nacional sub-16 por equipos para a Escola Xadrez Pontevedra

Pontevedra
10 de decembro 2014

29 equipos de toda España participaron no Campionato, celebrado en Benidorm

Equipo da Escola Xadrez Pontevedra no Campionato de España Sub-16
Equipo da Escola Xadrez Pontevedra no Campionato de España Sub-16 / Escola Xadrez Pontevedra

A localidade alacantina de Benidorm foi escenario entre o 5 e o 8 de decembro do Campionato de España sub-16 por Equipos de xadrez, con gran resultado para o Escola Xadrez Pontevedra.

O equipo pontevedrés, que partía como cuarto do ranking nacional, logrou un meritorio segundo posto final só por detrás dos cataláns do Peona i Peó.

O pasado ano o bloque lerezano, composto esta vez por Alberto Portela, Miguel Rodríguez, David García e Pablo Vidal, xa lograra a medalla de bronce na mesma competición.

O campionato resultou moi igualado nas súas tres xornadas, coa Escola Xadrez Pontevedra pelexando dende o inicio polos postos de cabeza,

Unha derrota en terceira rolda ante o Almansa (2,5-1,5) complicou as cousas, pero no seguinte emparellamento, ante o Xadrez Ourense, e sobre todo na rolda definitiva, ante o Lorca, os pontevedreses botaron o resto para segurarse un sitio no podio final.

A vitoria ante o Lorca (3,5-0,5) outorgaba mesmo opcións para levarse o campionato, pero Peona i Peó non fallou e quedouse finalmente co título.