A COVID fixo saltar polo aire a Liga Asobal de balonmán, co Club Cisne como un dos equipos afectados directamente.
Plantel e corpo técnico do club pontevedrés atópanse confinados nos seus domicilios despois de que ata 11 membros da expedición do seu rival o pasado mércores no Municipal, o Cuenca, desen positivo por coronavirus nada máis regresar de Pontevedra. Así seguirán seguindo as indicacións de Sanidade ata polo menos poder realizar probas PCR e coñecer os resultados, aínda que se espera que a maioría de xogadores ao ter contacto físico con persoas infectadas deban igualmente illarse durante 10 días.
Con esta situación era cuestión de tempo a suspensión oficial do partido correspondente á xornada 8 da Liga Asobal que debía enfrontar ao club branco co Logroño este mesmo sábado 10 de outubro na Rioxa.
Así o oficializou este venres o Comité Nacional de Competición, ao ser inviable en tales circunstancias o desprazamento do Dicsa Modular Cisne.
A situación é aínda máis preocupante para os pontevedreses mirando cara á seguinte xornada ligueira, prevista para o 17 de outubro e na que debía visitar o Pavillón Municipal dos Deportes o Balonmán Nava. Esta cita tamén ten todas as papeletas para ser aprazada xa que o conxunto segoviano vén de reportar 17 positivos en COVID entre persoal e corpo técnico "pertencendo todas elas a membros da expedición que viaxou o pasado sábado a Irún para disputar o partido correspondente á xornada 7", sinala o club nun comunicado.
Asobal informou en total de cinco suspensións esta xornada, ao estar afectados tamén os partidos Nava-Benidorm, Puerto Sagunto-Cuenca, Anaitasuna-Ángel Ximénez e Huesca-Villa de Aranda.
Duelos aplazados por el CNC en la #J8 de la #LigaSacyrASOBAL:@CdadLogrono @ClubCisneBalonm @BalonmanoNava @bmbenidorm @bmpuertosagunto @BMCdadEncantada @AnaitasunaBM @AngelXimenezBM @BmHuesca @bmvillaaranda pic.twitter.com/3Xq61mlhyb
— ASOBAL (@ASOBAL) October 9, 2020