O Club Baloncesto Arxil non xogará esta próxima fin de semana, tal e como estaba previsto, o partido da cuarta xornada da Liga Feminina 2 que lle ía a enfrontar a domicilio ao Rosalía Pío XII santiagués.
A Federación Española de Baloncesto (FEB) confirmou este xoves o aprazamento do choque, que debía disputarse no pavillón compostelán do Instituto Rosalía, debido á corentena de catro xogadoras locais.
En concreto as integrantes do Rosalía atópanse confinadas pola aparición de varios positivos por Covid na residencia na que viven.
Segundo explicou o Arxil, non está previsto que sexan sometidas a probas PCR ata a fin de semana, polo que a FEB aceptou a solicitude de suspensión do partido ante a falta de tempo para descartar os contaxios.
En canto ao conxunto pontevedrés, someteuse a última hora do mércores ás probas obrigatorias antes de cada xornada, sen que se detectase no seu plantel ningún caso positivo.
Pese ao aprazamento, as verdes non tardarán en volver competir, xa que o encontro aprazado no seu día fronte ao Baxi Ferrol, correspondente á primeira xornada de liga, fixouse para o vindeiro martes 27 de outubro (20.30 horas) no pavillón do Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra.