Jéssica Bouzas dixo adeus en segunda rolda do WTA 1.000 de Roma, na súa primeira participación no cadro principal do torneo italiano.
A tenista arousá, que no seu primeiro encontro superara á estadounidense Ann Li, non puido repetir este xoves fronte á ucraína Elina Svitolina.
Era un duro exame para Bouzas, que tiña fronte á número 14 do ranking mundial e unha deportista á que non conseguira vencer nos seus enfrontamentos previos, sobre a terra batida de Rouen e a pista rápida de Cincinnati.
O encontro arrincou de maneira positiva para a vilagarciá, que rompeu o servizo da súa rival e dominou os primeiros compases, pero Svitolina foi de menos a máis e terminou levando a manga inicial por 6-4 tras 45 minutos de batalla.
Jéssica Bouzas tentou reaccionar no inicio do segundo set, con dúas opcións de rotura no primeiro xogo, pero non as aproveitou, o que provocou que a súa oponente tomase distancia cun 4-1 que parecía deixar xa poucas opcións.
Con todo fiel ao seu espírito de loita a arousá repúxose con catro xogos consecutivos (4-5) chegando a sacar para igualar o partido, ata que Svitolina reaccionou de novo e terminou sentenciando no tie break (7-6).
O choque concluíu tras 1 hora e 45 minutos de esforzo sobre a cancha do Foro Itálico.
Unha derrota en todo caso que non borra para nada as sensacións de Jéssica Bouzas, capaz de competirlle xa a calquera tenista por moi alto que sexa o seu posto no ranking.