Medalla de bronce para a regatista pontevedresa Támara Echegoyen e a súa compañeira, a mallorquina Paula Barceló, no campionato do mundo da clase 49er FX que acaba de concluír este luns en augas de Halifax, en Canada.
A regularidade exhibida polo barco español ao longo das seis xornadas de competición resultou crucial para terminar en postos de medalla. Só as holandesas vixentes campioas de Europa Odile van Aanholt e Annette Duetz, intratables durante toda a semana sen un só día malo; e as suecas Vilma Bobeck e Rebecca Netzler puideron facer sombra á parella española.
BRONCE MUNDIAL
— RFEV | Real Federación Española de Vela (@oficial_rfev) September 5, 2022
Támara Echegoyen y Paula Barceló ganan la medalla de bronce en el mundial de 49er FX
¡Enhorabuena! pic.twitter.com/sbrXENSiZn
O inicio do mundial xa daba razóns para o optimismo. Tras as dúas primeiras xornadas, Echegoyen e Barceló xa estaban asentadas no podio. Da zona nobre non as apeou nin unha mala regata na que terminaron no posto 24, o seu peor resultado ao longo das 17 mangas disputadas.
Malia que gozaban dunha cómoda vantaxe sobre as súas perseguidoras, dous décimos sextos postos e un décimo noveno fixo á parroquia española temer polas medallas, pois a parella nacional pedera momentáneamente o o seu posto de podio en favor da embarcación británica, que nas xornadas decisivas foi incapaz de manter o nivel.
Ao longo da fin de semana, Echegoyen e Barceló recuperaron o seu mellor nivel. De feito, despediron a xornada dominical cun primeiro posto na antepenúltima manga que practicamente aseguraba a medalla de bronce.
Na última xornada, dar caza a calquera das dúas embarcacións podería catalogarse de milagre. Non ocorreu, Echegoyen e Barceló asinaron un sexto posto na última regata e un oitavo na medal race que certificaban un novo éxito internacional para unha parella que parece superar o pau que supuxo quedarse a un só punto do bronce olímpico.