Novo desafío superado para Támara Echegoyen no mundo da vela.
A campioa olímpica pontevedresa, que xa foi a primeira española en participar na Ocean Race, acaba de completar un dos maiores desafíos do mundo da vela, e fíxoo ademais por primeira vez nunha tripulación integramente feminina a bordo do barco The Famous Projetc.
Echegoyen foi unha das oito regatistas que completou o Trofeo Jules Verne, é dicir, a volta ao mundo sen escalas nin asistencia.
Fíxoo alcanzando a meta este luns 57 días, 21 horas e 20 minutos de navegación.
"Esta última semana a bordo foi agónica, para que enganarvos", recoñeceu tras a xesta a propia Támara Echegoyen a través das súas redes sociais.
"Cada paso á fronte que dabamos cara ao noso destino final convertíase en dous cara atrás con cada nova rotura. Como unha bóla de neve que crece na súa baixada pola ladeira", explica sobre a vivido durante as últimas xornadas de navegación nas que tiveron que afrontar condicións climatolóxicas especialmente duras.
"Curiosamente, a forte borrasca que nos obrigaba a refuxiarnos ao resgardo de Azores foi a gran protagonista dos nosos días finais. Os seus 40 nós e máis de 7 metros de ondas, nos que levamos vivindo os últimos tres días, axudáronnos sen dúbida a percorrer millas, a pesar de non ter maior e poder contar só con dous foques pequenos", explica a regatista.
"O cansazo acumulado, a tensión, a incerteza e a frustración percorren o meu corpo sen medida, pero nada de rendición. Iso é o único que non tivo cabida neste equipo", engade orgullosa do reto superado e afirmando que "o esforzo valeu a pena".
O seu nome pasará agora a formar parte por méritos da historia da vela oceánica, dentro dun equipo internacional que completaban Stacey Jackson, Dee Cafari, Alexia Barrier, Annemieke Bes, Rebecca Gmuer, Deb Blair e Molly Lapointe.