A vida está feita de retos. Que llo digan a Támara Echegoyen, que tras pór punto e final á súa carreira na vela olímpica segue plantexando novos desafíos.
A regatista pontevedresa, campioa olímpica en Londres 2012 e abandeirada de España en París 2024, leva meses preparándose para afrontar o Trofeo Jules Verne.
Trátase, segundo ela mesma recoñeceu nas súas redes sociais, de "un dos maiores desafíos da vela: dar a volta ao mundo sen paradas e sen asistencia".
"Non é unha carreira contra outros, senón contra o tempo, o océano… e un mesmo", asegura.
Echegoyen é unha das oito regatistas que compoñen a tripulación integramente feminina do barco The Famous Projetc.
Un proxecto que tentará bater a marca de velocidade na volta ao mundo sen realizar paradas.
Para iso é moi importante a climatoloxía, e por iso levan semanas en espera dunha xanela de oportunidade para iniciar o reto.
Ese momento parece que chegou, e The Famous Projetc ten previsto partir este mesmo sábado desde o porto francés de Brest.
Támara Echegoyen estará acompañada no Trofeo Jules Verne por un equipo de regatistas internacional, que completan Stacey Jackson, Dee Cafari, Alexia Barrier, Annemieke Bes, Rebecca Gmuer, Deb Blair e Molly Lapointe.