Terceira medalla no Nacional para Bea Gómez, que queda sen mínima nos 200 estilos

Pontevedra
30 de marzo 2015

A pontevedresa foi terceira nos 200 estilos do Campionato de España cun tempo de 2:14.27 que a deixa a un paso de lograr o pasaporte mundialista nesta proba

Bea Gómez, no podio do Nacional Open de Málaga tras ser terceira nos 200 estilos RTVE

Agridoce xornada para Bea Gómez Cortés no terceiro día de competición do Campionato de España Open de Primavera.

A nadadora do Galaico logrou o seu terceiro metal cun bronce nos 200 estilos (que engade ás pratas logradas nos 800 libre e 400 estilos).

A cara amarga é que a pontevedresa parou o crono en 2:14.27, a dous segundos do seu record galego, quedando a un paso de conseguir a marca mínima para participar no Mundial de Kazan, algo que si lograra nos seus dous podios anteriores.

A gañadora da proba foi unha vez máis Mireia Belmonte (2:12.80), intratable ata o momento no Open, e segunda a turca Zeynep Gunes (2:14.14).

A representación do Galaico en Málaga completárona este luns Paula Goyanes, que causou baixa nos 1.500 e logrou un tempo de 2:28.69 nas series dos 200 estilos; e Cristian Fernández nos 800 libre (8:36.93).