Tere Abelleira estará na fase final do Europeo Sub-17 coa Selección Española

Pontevedra
19 de abril 2017

A futbolista pontevedresa, que xa participara en datas recentes na Rolda Elite en Portugal, repite convocatoria coa Selección e estará na fase final que se disputará na República Checa entre o 2 e o 14 de maio

Toña Is e Tere Abelleira nun adestramento da Selección Española Sub-17 RFEF

A pontevedresa Teresa Abelleira converteuse nunha habitual nas convocatorias das categorías inferiores da Selección Española.

A futbolista do RC Deportivo foi incluída esta vez na lista oficial para a fase final do Campionato de Europa Sub-17, que se disputará do 2 ao 14 de maio na República Checa.

Abelleira, que xa gozara de protagonismo na Rolda Elite de Portugal, na que España logrou de maneira brillante a súa clasificación para o Europeo, repite agora coa intención de seguir gañando peso no equipo adestrado por Toña Is.

España debutará na fase final o 2 de maio ante Alemaña para xogar despois o día 5 ante a República Checa e o 8 de maio ante Francia. Iso en canto á fase de grupos, xa que os dous primeiros equipos de cada un dos grupos (o outro o conforman Irlanda, Holanda, Noruega e Inglaterra) clasificarase para as semifinais da competición.

Ademais de Tere Abelleira, completan a convocatoria da Selección Española: Oihane Hernández (Athletic Club); Rosa Otermin (Atlético de Madrid); Laia Aleixandri, Berta Pujadas, Ana Torroda, Candela Andújar e Claudia Pina (FC Barcelona); Rosa Márquez (Real Betis); Catalina Thomas Coll (Collerense); María Subies (Reus); Carla Bautista (Fundación Albacete); Alba Pérez (Granada); Irene López (Madrid CFF); Nerea Eizaguirre (Real Sociedad); Eva María Navarro (Spa Alicante); Lorena Navarro (Tacón); e Nora Sánchez (Transportes Alcaine).