A pontevedresa Teresa Abelleira fixo historia dentro do fútbol feminino galego, ao converterse xunto á súa compañeira de equipo Raquel Béjar na primeira xogadora da comunidade con ficha profesional.
Teresa e Raquel lograron o que hai uns anos era imposible, cando a compostelá Vero Boquete, considerada agora unha das mellores futbolistas do panorama internacional, abandonou a liga española ao non lograr ser considerada como profesional.
A situación afortunadamente no fútbol feminino nacional está a cambiar, e as fichas profesionais multiplicáronse nos últimos anos, pero en Galicia aínda non se producira o salto.
No caso de Teresa Abelleira, o seu contrato como profesional chégalle cando aínda é unha deportista en idade xuvenil, pero confirma a aposta do seu club, o RC Deportivo da Coruña, polo fútbol feminino no primeiro ano de vida do equipo.
A centrocampista pontevedresa, internacional en categoría inferiores e que ata o pasado ano militaba no AJ Lérez compaxinando a práctica do fútbol co fútbol sala no Poio Pescamar, aceptou no verán a proposta do Deportivo, co que aspira a seguir queimando etapas na súa formación ata chegar á máxima categoría nacional.