Teresa Abelleira asina o primeiro contrato profesional do fútbol feminino galego

Pontevedra
19 de xaneiro 2017

A futbolista pontevedresa convértese, xunto á súa compañeira no Deportivo Raquel Béjar, na primeira en contar cunha ficha profesional dentro do fútbol feminino galego, confirmando a aposta do club coruñés pola sección recentemente creada

Teresa Abelleira (esquerda) na firma do seu contrato profesional co Deportivo RC Deportivo

A pontevedresa Teresa Abelleira fixo historia dentro do fútbol feminino galego, ao converterse xunto á súa compañeira de equipo Raquel Béjar na primeira xogadora da comunidade con ficha profesional.

Teresa e Raquel lograron o que hai uns anos era imposible, cando a compostelá Vero Boquete, considerada agora unha das mellores futbolistas do panorama internacional, abandonou a liga española ao non lograr ser considerada como profesional.

A situación afortunadamente no fútbol feminino nacional está a cambiar, e as fichas profesionais multiplicáronse nos últimos anos, pero en Galicia aínda non se producira o salto.

No caso de Teresa Abelleira, o seu contrato como profesional chégalle cando aínda é unha deportista en idade xuvenil, pero confirma a aposta do seu club, o RC Deportivo da Coruña, polo fútbol feminino no primeiro ano de vida do equipo.

A centrocampista pontevedresa, internacional en categoría inferiores e que ata o pasado ano militaba no AJ Lérez compaxinando a práctica do fútbol co fútbol sala no Poio Pescamar, aceptou no verán a proposta do Deportivo, co que aspira a seguir queimando etapas na súa formación ata chegar á máxima categoría nacional.