Teresa Abelleira mete a España na final do Europeo Sub-19

Pontevedra
27 de xullo 2018

A xogadora pontevedresa anotou o único tanto da semifinal europea ante Dinamarca cun gran lanzamento desde fóra da área clasificando ao combinado nacional para a gran final que se disputará o vindeiro luns 30 de xullo 

Teresa Abelleira, nun partido do Europeo Sub-19 RFEF

A Selección Española  Sub-19 de fútbol estará o vindeiro luns 30 de xullo na gran final do Campionato de Europa que se está celebrando en Suíza, e gran culpa diso tena Teresa Abelleira.

A futbolista pontevedresa foi a gran protagonista este venres na semifinal que enfrontaba a España e Dinamarca na localidade de  Biel, marcando o único tanto do encontro que clasifica ao combinado nacional para o choque definitivo polo título.

Foi un duelo disputado no medio dunha gran igualdade e baixo un sol de xustiza, que chegou con empate sen goles ao intermedio.

Houbo que esperar a mediado o segundo acto para ver a xogada decisiva, na que Abelleira cun gran lanzamento desde fóra da área conseguía bater á gardameta danesa. Era o minuto 67 de xogo.

Tocou sufrir ata o asubío final, pero o marcador xa non se movería.

A España de Teresa Abelleira enfrontarase agora na gran final a Alemaña, pero antes sobre o mesmo céspede as xogadoras celebraron o éxito por todo o alto.