Teucro e Cisne, preparados para o segundo asalto ligueiro

Pontevedra
16 de setembro 2016

O equipo teucrista afronta o seu primeiro partido en casa da tempada no desterro de Príncipe Felipe (sábado, 20:30 horas) pedindo aos seus afeccionados "que vayan y nos apoyen" para conseguir o seu primeiro triunfo. O Cisne pola súa banda visita a cancha do recentemente ascendido Cajasur Córdoba

Adestramento do Teucro 16/17 Cristina Saiz

A Sociedad Deportiva Teucro afronta este sábado (20:30 horas) no 'desterro' de Príncipe Felipe o seu primeiro partido na casa da tempada coa intención de esquecer canto antes a derrota en Zamora na primeira xornada de liga.

Os azuis piden aos seus afeccionados "que vayan y nos apoyen" para "que se note que es un partido en casa" ante un equipo, o Covadonga, que "llega con el ánimo alto después de ganar su primer partido", recoñece Quique Domínguez.

O técnico azul espera a un rival que se caracteriza por non contar con xogadores de envergadura pero que "intenta suplirlo con velocidad" e que conta con tres xogadores de gran experiencia como Víctor Álvarez, Carlos Prendes e Jorge Martínez.

Coa única baixa de Rial, o resto de xogadores están incluídos nunha convocatoria que completa Sergio Altirriba, con ficha do filial.

O CISNE, ANTE O SEU PRIMEIRO DESPRAZAMENTO

Pola súa banda o Club Cisne Balonmán visita coa moral alta ao recentemente ascendido Cajasur Córdoba (sábado, 20:30 horas), pero sen fiarse desa condición, xa que "ha hecho un gran bloque", segundo Jabato.

O técnico cre que unha das claves pode ser "intentar imponer nuestra marcha y no la suya para no tener problemas", o que supón "encajar poco y a partir de ahí conseguir correr para tener opciones".

Solucionado o problema administrativo con Pablo Gayoso e Alejandro Conde, ambos os xogadores entraron nunha convocatoria da que caen por decisión técnica Fabián González e Pablo Rey.