Aínda non é matemático, pero o Tenis de Mesa Monte Porreiro amarrou virtualmente a súa permanencia un ano máis na máxima categoría masculina nacional, a Superdivisión, co seu triunfo a domicilio contra o Sant Jordi balear.
O equipo pontevedrés, superados definitivamente os problemas coas lesións que lle penalizaron durante os últimos meses, dispárase ademais na clasificación.
Co que é o seu segundo triunfo consecutivo ascende ao cuarto posto con 18 puntos, a só un do segundo lugar.
Con todo o que é máis importante é a distancia que abre co descenso que marca o rival da fin de semana, o Sant Jordi, e que queda agora a 12 puntos. Unha brecha insalvable.
Os pupilos de Nando Álvarez venceron ademais con contundencia (0-4), aínda que con duelos máis rifados do que reflicte o marcador final.
Así Martín Betancor e Miguel Ángel Vílchez venceron nos dous encontros iniciais en catro mangas, mentres que os outros dous triunfos producíronse no desempate, da man de André Silva e de novo Vílchez.
Tras este importante triunfo chega agora un pequeno respiro competitivo en liga para o Monte Porreiro, que non volverá xogar nesta competición até o día 9 de marzo aínda que non parará con outras imporantes citas no seu calendario.
A próxima xornada visitará Príncipe Felipe o Universidad de Burgos, actual sétimo clasificado.