Tres atletas da Gimnástica lograron xa a súa clasificación para o Campionato de España

Pontevedra
21 de abril 2015

Os primeiros deportistas do club pontevedrés conseguiron as marcas esixidas pola RFEA no inicio da tempada de pista

Ángel Vargas co seu adestrador Julio Ventín
Ángel Vargas co seu adestrador Julio Ventín / Sociedad Gimnástica

A primeiras competicións da tempada atlética ao aire libre trouxeron consigo á súa vez as primeiras marcas mínimas de atletas da Sociedad Gimnástica para os seus respectivos campionatos de España.

Nas Series Municipais de Vigo, cita tradicional no calendario, tres atletas do club pontevedrés lograron a marca esixida pola Real Federación Española de Atletismo, mentres outros tantos quedaron preto.

Todos eles foron segundos nas súas respectivas probas. Foron Ángel Vargas (xuvenil) cun 22.92 nos 200 metros, Lucía Cardesín (cadete) cun tempo de 1:40.68 nos 600 metros e Rocío Rodríguez (promesa), que parou o crono en 2:17.90 nos 800 metros.

Pola súa banda quedáronse a un paso de lograr o billete Andrea Pais nos 200 metros xuvenil, gañando a proba pero sendo invalidada a súa marca polo excesivo vento, e Jorge Puig, gañador nos 800 metros júniors e que quedou a só 47 centésimas da mínima.

Entre o resto de resultados destacaron Juan Olmos gañando o peso cadete, Lucía Ferrer cun segundo posto en 100 valos cadete e xuvenil, David Ferrer tamén segundo en pértega e ÿscar Abal, Fran Iglesias e Juan Barbosa, terceiros nos 600, 800 metros e martelo respectivamente.